|
|
GRUPOS DE TRABALLO
| INFORMACIÓN SOBRE OS GRUPOS DE TRABALLO DO CEESG |
Qué é un Grupo de Traballo?
Un Grupo de Traballo é unha agrupación voluntaria de colexiados/as do CEESG que, tendo como interese común un ámbito de traballo concreto da Educación Social, traballan para a promoción, desenvolvemento e mellora do mesmo.
Para qué os Grupos de Traballo?
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia está formado por todos os colexiados e colexiadas. Entre eles, algúns teñen a responsabilidade de asumir cargos directivos no noso colexio e polo tanto encárganse de tarefas dirixidas a acadar os cometidos do CEESG. As persoas integrantes da Xunta de Goberno do CEESG dedican o seu tempo e esforzos de xeito non remunerado no seu tempo libre, polo que non poden dedicarlle ao colexio todo o tempo que quixeran para poder desenvolver todo o traballo que sería desexable.
Por outra banda, o CEESG precisa de persoas especializadas nos distintos ámbitos da Educación Social para o propio asesoramento puntual ao persoal e á Xunta de Goberno do CEESG, á hora de elaborar documentos e escritos en relación con algún ámbito en concreto, que non estea representado entre os membros da Xunta de Goberno.
Por todo isto, os Grupos de Traballo convértense nun instrumento necesario para o desenvolvemento da nosa profesión, creando ferramentas, organizando xornadas formativas, elaborando proxectos, desenvolvendo estudos, publicando artigos...
Qué papel ten o CEESG nos Grupos de Traballo?
Os Grupos de Traballo forman parte da actividade do CEESG, polo que a súa actividade non pode distanciarse dos obxectivos fundamentais deste.
O CEESG apoiará aos Grupos de Traballo soportando os gastos económicos derivados da súa actividade (desprazamentos para asistencia a reunións, organización de eventos, envíos postais... etc.) e aportando o soporte administrativo necesario a través do persoal do CEESG.
As actividades desenvolvidas polos Grupos de Traballo deben contar co visto bo da Xunta de Goberno do CEESG, debendo informar de todos os novos obxectivos que plantexen, así como das súas reunións ou actividades levadas a cabo. Así mesmo, o colexio pode encargar ao Grupo algún cometido específico en relación co ámbito de traballo no que este se centre ou coas propias actividades que o grupo levara a cabo.
A documentación xerada polos Grupos será propiedade do CEESG, sen prexuízo da autoría das persoas que o compoñen, e o seu uso, publicación ou difusión en medios ou actividades alleas ao CEESG debe contar coa autorización deste.
Cómo se desenvolve a actividade dos Grupos de Traballo?
Cada Grupo de Traballo establece a súa propia dinámica de traballo e os seus obxectivos, estando abertos a propostas e solicitudes dos colexiados/as.
Os seus membros reuniranse cada certo tempo, pero a súa forma de comunicación básica será mediante a intranet do CEESG.
Existe unha intranet para cada un dos Grupos de Traballo, na que dispoñen dun espazo no que compartir arquivos, dunha lista de correo e dun foro privado ao que só terán acceso eles e o persoal do CEESG.
Quén pode formar parte dun Grupo de Traballo?
O único requisito para formar parte dun grupo de traballo é estar colexiado/a en situación de alta no colexio e estar disposto a aportar e compartir os seus coñecementos sobre un determinado ámbito da Educación Social.
En xeral, unha vez constituídos os grupos, sempre seguirán sendo abertos a novas incorporacións, aínda que intentarase evitar que o número de membros de cada grupo sexa excesivo para evitar a inoperatividade.
Cómpre recordar que os Grupos de Traballo non son espazos de formación nin de información sobre un ámbito, senón reunións de profesionais (estean ou non exercendo activamente a profesión) dunha determinada área de coñecemento que se ofrecen a traballar desinteresadamente para permitir coas súas aportacións, o avance de dita área.
Qué Grupos de Traballo existen na actualidade no CEESG
Grupo de Estudos e Intervención Xeragóxica (GEIX)
Familias (ENLACE)
Educadores/as Sociais nos centros de ensino (ENLACE)
Ademais, na actualidade existen dous grupos en cernes de creación, centrados nos seguintes temas:
Educación Social e Xestión Cultural
Adiccións
Cómo formar un novo Grupo de Traballo?
Se coñeces un grupo de Educadores/as sociais interesados nun mesmo ámbito de Traballo, dispostos a traballar para o desenvolvemento e promoción da nosa profesión, a Xunta de Goberno do CEESG valorará a posibilidade da creación dun novo grupo.
No caso de non coñecer a ninguén, dende o CEESG pode facerse difusión da intención de crear un grupo centrado nun ámbito concreto, para que, no caso de haber máis persoas interesadas, poida plantexarse a posibilidade de creación dun Grupo de Traballo.
En calquera dos casos, contacta co CEESG.
Ampliar información sobre os Grupos de Traballo:
|
|